Saber máis

O Camiño de Santiago

O Camiño de SantiagoAínda que o Camiño de Santiago era nas súas orixes esencialmente relixioso,  hoxe converteuse, grazas aos seus elementos culturais e paisaxísticos, nunha ruta de contacto entre as diferentes xentes e culturas, o que levou ao Consello de Europa a declaralo Primeiro Itinerario Cultural Europeo e facer desta vella ruta unha vía tamén para a arte e a espiritualidade.

Existen  diferentes rutas  para peregrinar a Santiago, pero o camiño en principio non é un fin en si mesmo, senón un medio para chegar á meta: a tumba de Santiago.

Rutas recoñecidas oficialmente

  • Camiño Francés, a ruta máis frecuentada hoxe en día, entra na Península Ibérica por Roncesvalles e ingresa en Galicia polo Cebreiro.
  • Camiño do Norte, que bordea a costa cantábrica, entra en Galicia por Ribadeo.
  • Camiño Primitivo, que parte de Oviedo e conduce o peregrino cara a Santiago.
  • Camiño Inglés, así coñecido pola afluencia de peregrinos das Illas Británicas, que viaxaban por mar, desembarcaban na Coruña ou Ferrol, e se desprazaban desde alí a pé.
  • Camiño Portugués, que discorre desde Portugal ata entrar en Galicia por Tui.
  • Camiño do Sueste - Vía da Prata, que procede de Sevilla, Mérida, Zamora, e entra en Galicia pola provincia de Ourense.

Consellos para facer o Camiño

Antes de iniciar o Camiño recoméndase pasar un sinxelo recoñecemento médico para asegurarnos de que non haberá imprevistos físicos; para iso precisaríase ademais dun adestramento, camiñando durante días sucesivos, distancias cada vez maiores.

Vestido e calzado para a marcha:

  • A vestimenta debe ser folgada e transpirable, para evitar os frecuentes rozamentos que producen dermatite de contacto, sobre todo na parte interna das coxas.
  • Ademais débese levar roupa adaptada á climatoloxía da época na que se realice a peregrinación. É necesario non esquecer un sombreiro para evitar insolacións.
  • O calzado é fundamental. Debe ser bota que abrace o nocello, pois os camiños son irregulares, para evitar as torceduras, que poderían obrigar a suspender a marcha. Ademais de ser alta, a bota debe ser impermeable e transpirable, para evitar os problemas derivados da sudación do pé, como as bochas e as micoses.
  • Complemento do calzado son os calcetíns, de la ou similar, que se deberán cambiar a miúdo.

Outras recomendacións:

  • Levar unha caixa de primeiros auxilios.
  • Se se viaxa de noite deben usarse reflectores.
  • Na estrada, circula sempre pola beiravía do lado esquerdo.
  • Evita crear grupos ou amontoarse na calzada.
  • Fai sempre caso das recomendacións da Garda Civil, da Policía, Protección Civil e Cruz Vermella.
  • Mantén a limpeza dos locais e lugares de acampada, e procura ser respectuoso e amable coa poboación.
  • Valora e aprecia o esforzo das persoas que atenden os albergues
  • Procura ler algo sobre a historia do Camiño para comprender mellor o seu significado.
  • Programar as etapas con realismo, sen esixirnos metas que non nos permitan gozar da viaxe, así como contar con días de descanso.
  • Necesitas un saco de durmir se vas utilizar os albergues.
  • É recomendable unha esteira ou foam para evitar durmir ou descansar directamente sobre un chan húmido.
  • Lembra que só se permite durmir unha noite en cada albergue, agás en caso de enfermidade.
  • O peso da mochila non debería superar o 10% do peso corporal.
  • Lembra que os albergues non se poden reservar, agás no caso dos albergues privados.

O Ano Santo e as grazas xubilares

Cada século celébranse 14 anos santos, cunha cadencia de 6-5-6-11 anos.

Un ano xubilar é un período no que a Igrexa tradicionalmente lles concede aos fieis singulares grazas espirituais. Empezou en 1122 co Papa Calisto II e confirmárono outros papas; Alexandro III na bula Regis eterni, de 1179, outorgoulle perpetuidade.

Para gañar o xubileo o peregrino ou a peregrina terá que cumprir as tres tradicións:

  • Visitar a tumba do Apóstolo na Catedral e rezar algunha oración.
  • Recibir o sacramento da confesión (xa sexa na Catedral ou en calquera outro lugar, quince días antes ou despois).
  • Recibir a comuñón. Esta indulxencia élles aplicable aos defuntos.

As indulxencias xubilares outórganse unha vez ao día con estas condicións:

  • Visitar a Catedral rezando algunha oración
  • Recibir os sacramentos de confesión (quince días antes ou despois) e a sagrada comuñón.