
Galicia
Galicia é a rexión máis occidental de Europa, o Finis Terrae romano, principio e fin da peregrinación a Santiago. É un pequeno universo de contrastes: é o mar, é a apacible ría e a salvaxe costa acantilada; e tamén é interior, terra de ríos e caldas, verde, exuberante e profunda, ás veces escarpada e sempre acolledora.
Galicia limita co mar Cantábrico e o océano Atlántico nunha liña de costa de 1.659 km, rica e buliciosa de vida. É na costa galega onde se atopa o único Parque Nacional Insular do Estado, o das Illas Atlánticas, formado polo arquipélago de Cíes, na bocana da Ría de Vigo, o arquipélago de Ons, na de Pontevedra, a Illa de Cortegada, fronte ao porto de Carril, en Vilagarcía de Arousa, e a illa de Sálvora, tamén situada na ría de Arousa.
Dispón de prestixiosos
portos, entre eles o principal porto pesqueiro do mundo, situado en Vigo; ademais de portos comerciais e deportivos de primeira orde, como os da Coruña, Ferrol, ou Vilagarcía, entre os comerciais, e o Real Club de Iates de Baiona, a Mariña de Sanxenxo, ou o Náutico de Rodeira, en Cangas, entre os deportivos.
No interior, Galicia é a Terra dos mil ríos, e tamén das mil montañas, erosionadas e ancestrais, con praderías e vales profundos, cuberta de bosque en case as tres cuartas partes da súa superficie.
É esta unha terra de tradicións, con festas e romarías ao longo de todo o ano. Destacan os encontros dedicados á gastronomía -sexa ao marisco, ou aos queixos, aos viños, ao pan, á empanada, ao choco, ou a calquera outro dos moitos manxares apreciados polo padal galego- e tamén aos innumerables festivais do verán, como os de Caldas, Guitiriz e Ortigueira.
A rede galega de infraestruturas comunica Galicia co resto da Península y conta ademais co proxecto do tren de alta velocidade, AVE, que se prevé estará en completo funcionamento no vindeiro 2015.
Para coñecer e visitar Galicia:









