Camiño Portugués pola Costa
O Camiño Portugués pola Costa seguíano os que cruzaban o río Miño preto da súa desembocadura e, pola serra que se alza ante o seus ollos ou ben baixando á Guarda e remontando pola ribeira, dirixíanse a Vigo para empalmar en Redondela co outro Camiño Portugués. E unha vantaxe: non é un acabado de chegar, pero si acaba de recibir o recoñecemento oficial. É dicir, é un novo itinerario por descubrir.

ITINERARIO / NATUREZA
Os peregrinos portugueses tiñan variadas razóns para non cruzaren o río Miño á altura de Tui, como era o máis habitual, e facelo por outros puntos, dende a oportunidade que se presentaba de súpeto ata evitaren a propia cidade fronteiriza. Así que eran numerosos os que por unha causa ou por outra salvaban a corrente por Goián, onde rapidamente se formaban grupos, ou pola Guarda, algo máis cara ao sur. E aí xurdía e xurde o primeiro dilema: continuar pola costa ou facelo polo interior. Isto último significa cruzar unhas serras agrestes con espléndidas panorámicas e ir dar a Vigo.
A costa quere dicir enfilar primeiro cara ao oeste –isto é, en paralelo ao río- e alcanzar o enorme e belísimo estuario do Miño. Aí está tamén o monte Santa Tegra, gran miradoiro co seu castro escavado e considerado a aldea prehistórica máis espectacular de Galicia. E abaixo, A Guarda, un porto do que se di que nin os piratas eran quen de entrar. Claro que hogano os seu peiraos garanten o abrigo aos seus numerosos buques pesqueiros. Unha curiosidade: o prato característico da Guarda non é outro que a lagosta, palabras maiores.
A costa, escarpada e moi batida, sinala o Norte. E así, a ruta alcanza Oia e o seu mosteiro a carón do mar co seu minúsculo e entrañable porto. Dobra cabo Silleiro e comeza a entrar en territorio máis resgardado. É o inicio da ría de Vigo, na que se asenta a cidade do mesmo nome, que percorre tras pasar pola portuaria Baiona e o seu castelo, hoxe parador.
UN CAMIÑO SEN PEGADA
O peregrino é, e sempre foi, unha persoa coidadosa, respectuosa das propiedades dos demais e do medio ambiente. Utiliza os contedores de lixo e non dubida en trasladar os seus desperdicios ata que encontra un (obviamente, hainos en todas as localidades que cruza a Ruta). O Camiño é patrimonio de todos e todos debemos coidalo.
Neste caso a protección xurídica da que gozan algúns espazos deste Camiño resulta ben fácil de entender nada máis velos. Así, o tramo que marcha en paralelo ao Miño está considerado Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) e Zona Especial de Protección de Aves e, en efecto, en Salcidos, pouco antes de chegar á Guarda, é posible instalarse nun observatorio ben distinguible dende lonxe e gozar da contemplación de milleiros de aves.
Cando xa entra na ría de Vigo quedan á vista as illas Cíes, corazón do Parque Nacional das Illas Atlánticas, e más próximas á terra, as illas Estellas, outro LIC impoluto, territorio virxe, sen ningunha edificación. En terra firme, e fronte a elas, un terceiro LIC, A Ramallosa, unha desembocadura fluvial con enormes areais abraiantes sobre todo na baixamar.
PREPARA A TÚA VIAXE
Como este Camiño Portugués pola Costa é o acabado de chegar ao mundo oficial –porque dende logo existir xa existía dende o principio das peregrinacións-, aínda se está a traballar no deseño da rede de albergues públicos. Isto obriga a planificar a viaxe pensando moi ben onde durmir ata pisar Redondela e empalmar co outro Camiño Portugués, o que ven de Tui.
Indo pegado á ribeira pódese ter a completa seguridade de sentir a brisa mariña na faciana. Hai xente á que lle encanta camiñar con algo de vento. Os que prefiran outra cousa, deben cambiar o Atlántico polas serras de Argallo e Groba, onde a paisaxe é completamente diferente e no que, como é lóxico, domina a imaxe da montaña, neste caso brava e rochosa, poboada por cabalos salvaxes que se afastan cando ven na distancia que alguén se achega.
Noutro orde de cousas, mellor as botas de montaña que os tenis ou sandalias. Un bastón para axudarse sempre é de agradecer, sen esquecer na casa a cantimplora.
Últimas entradas do foro no Camiño Portugués pola Costa
Inicia sesión para publicar novos contidos no foro.
| Tema | Respostas | Vistas | Creado | Última resposta |
|---|---|---|---|---|
| Camino Portugues por la Costa | 25 | 7,964 |
Tiziana 28/05/2010 |
Tiziana 04/05/2012 |
| dudas sobre el camino portugues por la costa | 4 | 2,907 |
arturo 27/07/2011 |
Libredón 03/08/2011 |
| Duda sobre Albergues Camino por la costa enlazando con el Portugues en Redondela. | 6 | 3,098 |
rlpablo 27/06/2010 |
JOSELUIS 15/11/2010 |
| ¿Estás lesionado/a? | 0 | 1,556 |
jmberberana 05/10/2010 |
jmberberana 05/10/2010 |
| Transporte Vigo- A Guarda (Con Bicis) | 3 | 2,256 |
gagaeloel 12/09/2010 |
luis freixo 13/09/2010 |
























